Carballo | O Concello aproba a concesión de axudas a 93 familias para pagar as facturas da luz

1 minutes read
  • Titulares do bono social e persoas que reciben tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal nos seus domicilios recibirán un pago único de 200 euros

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión ordinaria deste luns a concesión de axudas para o pagamento do subministro enerxético a 93 familias do concello. Só foron rexeitadas 3 solicitudes, dúas delas porque se presentaron fóra de prazo e a terceira por non cumprir cos requisitos establecidos.

As subvencións van destinadas a persoas maiores 18 anos ou menores emancipadas empadroadas no concello e que cumpran algunha das seguintes condicións: ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade e recibir durante o ano 2021, polo menos durante seis meses, osixenoterapia ou tratamento de diálise peritoneal domiciliarios.

Con esta medida, impulsada dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, dende o Concello de Carballo pretenden «axudar ás veciñas e veciños con máis dificultades para facer fronte ás facturas da luz». Cada unha das 93 familias beneficiarias recibirá nas vindeiras semanas unha axuda de 200 euros nun pago único, correspondente á anualidade do pasado ano.

Complemento autonómico
Estas subvencións municipais tamén son compatibles con outras liñas de axuda. Precisamente a Consellería de Política Social tamén vén de publicar as resolucións de concesión directa de axudas destinadas a paliar a pobreza enerxética correspondentes ao bono social térmico do ano 2021. Neste caso, a Xunta de Galicia achega un complemento de 100 euros a cada familia beneficiaria.