Carballo | O Concello incrementa os vales de alimentos debido á inflación

1 minutes read
  • Esta medida súmase á convocatoria de axudas para o pago da luz, alcanzando os 200 euros nun pago único

A concellaría de Igualdade e Benestar do Concello de Carballo anunciou que foi necesario incrementar os vales de alimentos concedidos a certas familias do municipio debido ao encarecemento da vida. Unhas axudas que xa se iniciaran ao inicio da pandemia pola Covid-19 debido á paralización da actividade empresarial. Sen embargo, co «incremento do IPC e da inflación consideramos que é preciso contribuír a que as familias máis vulnerables poidan acceder a recursos básicos», apuntou a concelleira Maica Ures. Así, as familias que teñen que recorrer a eles están a recibir xa entre un 20 e un 25% máis.

Xunto a esta medida, a concellaría tamén convocará por segundo ano consecutivo as axudas para o pago do recibo da luz. Ante as necesidades detectadas e coa finalidade de evitar a existencia de pobreza enerxética na localidade, este luns a Xunta de Goberno Local aprobou as bases da nova convocatoria, que se abrirá nos vindeiros días.

Poderán acceder ás axudas as persoas maiores de 18 anos ou menores emancipadas, empadroadas en Carballo cunha antigüidade mínima de seis meses, e que cumpran algún dos seguintes requisitos: ser beneficiarias do bono social das diferentes comercializadoras de electricidade como mínimo durante os tres meses anteriores á convocatoria e recibir osixenoterapia ou diálise peritoneal domiciliaria polo menos durante seis meses antes da convocatoria. A subvención será de 200 euros nun pago único.