Carballo | O Concello inviste case 300.000 euros na parroquia de Entrecruces

1 minutes read
  • Avanzan as obras da rede de saneamento nos lugares de Taboada e A Granxa, e tamén as de acondicionamento do lavadoiro do Piñeiro da Baixa

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron as obras que se están realizando na parroquia de Entrecruces, nas que Concello inviste case 300.000 euros.

A actuación máis importante é o saneamento dos lugares de Taboada e A Granxa, continuando deste xeito coa extensión da rede pola parroquia tras a recente instalación do servizo na Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños. A obra actual, que executa a empresa Excavaciones y Obras Candal cun orzamento de 231.080,81 euros e que se prevé remate en setembro, inclúe a instalación de 846 metros de canalización e 26 pozos de rexistro en Taboada, entre outras actuacións.

No Piñeiro da Baixa tamén están en execución por parte da empresa Vázquez y Reino as obras de reforma e adecuación do espazo público do lavadoiro, cun investimento de 46.827 euros. Esta obra, que ao igual que a anterior foi proposta polo Consello Parroquial, permitirá revalorizar un conxunto etnográfico singular, formado por un lavadoiro e unha fonte, ademais de varios hórreos de titularidade privada.

A estas dúas actuacións en marcha sumarase en breve o aglomerado da estrada da Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces), que supón unha primeira fase da mellora do acceso á zona alta das dúas parroquias. O proxecto está en fase de licitación e ten un orzamento de 304.445,69 euros.