Carballo | O Concello realizou máis de 500 desinfeccións en edificios e espazos públicos durante o 2020

2 minutes read
  • Desde o inicio do curso escolar tamén se realizan desinfeccións puntuais nos centros sempre que se comunica a aparición dun caso de COVID-19

Dende a aparición dos primeiros casos por coronavirus en Carballo a mediados do mes de marzo, o Concello realizou máis de 500 desinfeccións en edificios e espazos públicos ata finais do ano 2020.

As dependencias dos diferentes servizos municipais que non cesaron a súa actividade durante o confinamento (Casa do Concello, a Policía Local, o Mercado Municipal, a Unidade de Condutas Aditivas, o edificio de Servizos Sociais, o Fórum, Protección Civil ou a Brigada Municipal de Obras) foron desinfectadas periodicamente. Dende o Concello de Carballo tamén se colaborou coa UDIAF ou Afaber para hixienizar as súas instalacións cando retomaron a actividade, do mesmo xeito que se desinfectaron os distintos espazos do Pazo da Cultura nos que se desenvolven actividades lúdicas e formativas.

Durante o estado de alarma fíxose especial fincapé na limpeza e desinfección dos espazos urbanos e rúas con máis tránsito, como as contornas de supermercados, farmacias e outros establecementos esenciais, de igual xeito que se reforzou a limpeza periódica dos contedores de residuos sólidos urbanos con desinfeccións diarias. Despois do confinamento reforzáronse eses traballos especialmente nos parques infantís e tamén no parque canino dende a súa apertura ao público.

Cada ano, o servizo municipal de control de pragas aproveita as vacacións escolares do verán, Nadal e Semana Santa para realizar unha desinfección a fondo, ademais de labores preventivas de desinsectación e desratización, en todos os colexios e escolas unitarias. Este curso, ademais, estanse a realizar desinfeccións puntuais sempre que se comunica dende calquera centro escolar a aparición dun caso de COVID-19. A primeira tivo que levarse a cabo o 12 de setembro no CEIP Nétoma-Razo. Esta práctica tamén se estende ás instalacións deportivas.