- 15 dos 24 membros do órgano colexiado participaron na xuntanza celebrada este mércores no CEIP Fogar
Este mércores o CEIP Fogar de Bergantiños acolleu a tradicional xuntanza de primeiros de curso do consello escolar municipal. Coas clases iniciadas xa en todos os niveis, 15 dos 24 membros do órgano colexiado asistiron á reunión presidida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O consello criticou a tardanza no establecemento dos protocolos para garantir neste curso a máxima seguridade. Ademais, na orde do día, os representantes das familias e do profesorado referíronse a aspectos como a limpeza e desinfección tanto dos edificios coma dos autobuses do transporte escolar, pero tamén puxeron sobre a mesa a súa preocupación con respecto tanto á falta de coordinación no uso de plataformas online coma ás dificultades de acceso a Internet que padecen aínda moitas familias, sobre todo na zona rural.
No apartado de rogos e preguntas expuxéronse, sobre todo, reflexións, pero tamén cuestións sobre aspectos coma o funcionamento do transporte escolar nos colexios de Sofán e Razo que, nalgún caso, obriga aos escolares a pasar ata 50 minutos no autobús.