Carballo | O Goberno local defende a súa actuación sobre a nova pasarela do Parque do Anllóns

2 minutes read

Coa pavimentación en cemento da zona de tránsito rematarán, entre este venres e o luns, os traballos de instalación da nova pasarela peonil do Parque do Anllóns. A empresa que realiza as obras confirmoulle ao alcalde, Evencio Ferrero, que se achegou ata o parque, que a ponte poderá abrirse ao longo da vindeira semana.

Segundo o Goberno local, a nova pasarela, de 16 metros de lonxitude e 3,19 de anchura, non só solucionará os problemas de accesibilidade e mantemento que tiña a anterior, senón que tamén se axusta á necesidade de acometer actuacións que permitan reducir o risco de inundación nas beiras do Anllóns. Neste sentido, o deseño respecta estritamente ás indicacións de Augas de Galicia con respecto á sección do río. Así, a estrutura metálica, máis sólida e lixeira, permite elevala. Ao eliminar a base de madeira, a altura con respecto á canle fluvial aumenta ata os 3,40 metros na parte central e os 2,12 nos laterais. Así mesmo, a pasarela dispón dunha serie de barras verticais espaciadas para cumprir os criterios de seguridade impostos polo código técnico da edificación.

O Parque do Anllóns é unha zona ARPSI (área de risco potencial significativo de inundación). «A actuación que vimos de realizar na ponte concorda coas accións que tamén se están a acometer por parte de Augas de Galicia dentro do convenio de colaboración asinado co Concello de Carballo para seguir eliminando obstáculos ao longo da canle do Anllóns», afirman dende o Concello. Neste sentido tamén está previsto modificar as pontes da Casilla e do Campo da Feira, ademais de construír outra ponte nun novo emprazamento para substituír a actual do San Martiño.

Pola súa banda, o Partido Popular emitía un comunicado este xoves no que discrepaba coa actuación sobre esta obra, o seu portavoz, Rubén Lorenzo, afirmaba que “É un despropósito que non respecta a idea orixinal coa que se construíu este parque”.