Carballo | O goberno local inviste máis de 100.000 euros en melloras nos centros escolares

1 minutes read
  • O polideportivo do CEIP A Cristina conta con aseos grazas a un investimento de máis de 47.000 euros

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, quixeron coñecer de primeira man o resultado das obras de mellora realizadas neste primeiro trimestre nos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina, e aproveitaron os días previos ao comezo das vacacións de Nadal para achegarse ata ambos centros.

No primeiro estendeuse o pavimento de tarima flotante, que xa se colocara o ano pasado nas aulas de infantil, nas zonas comúns como a biblioteca e a aula de música. Xunto a este investimento, que acadou os 9.389,60 euros, neste primeiro trimestre tamén foi posible dotar de aseos ao polideportivo do CEIP A Cristina por un total de 47.876,78 euros.

Así mesmo, xa está operativo o novo acceso ao pavillón do CEIP Fogar tras realizar un investimento de 53.215,80 euros.

Todas estas actuacións, que entraron en servizo ao longo do trimestre, sumáronse á reforma integral da escola unitaria de Cances, que se executou durante o verán cun orzamento de 17.787 euros.