Carballo | O novo regulamento e as taxas de postos do Mercado Municipal centrarán o pleno do luns

2 minutes read
  • A Concellaría de Feiras e Mercados sacará os postos a licitación nos vindeiros meses

O Mercado Municipal de Carballo será o protagonista do pleno de abril, que se celebrará o próximo luns, xa que entre os asuntos que integran a orde do día figuran o regulamento do servizo e a ordenanza fiscal que regula as taxas. Como establece a lei, ámbolos dous documentos foron sometidos a consulta pública antes da súa aprobación e, unha vez superado ese trámite, volverán a expoñerse ao público. Así o explicou este venres o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane, na habitual comparecencia do goberno para presentar os asuntos da sesión.

En canto ao regulamento de funcionamento do Mercado Municipal, o edil salientou as principais novidades: a distinción entre postos fixos e temporais; a existencia de postos sen actividade definida, polo que poderán adaptarse ás necesidades da persoa licitadora, ou a posibilidade de cambio de uso do posto. Agora tamén será posible solicitar ata un máximo de 3 postos colindantes (no regulamento anterior só se permitía optar a un) e obrígase aos concesionarios a ter abertos os postos polo menos durante un 60% do horario. O período da concesión será de 10 anos, con posibilidade dun máximo de 5 prórrogas anuais, aínda que outra das novidades é que se poderá licitar por menos anos.

Polo que respecta ás taxas, o concelleiro de Feiras e Mercados explicou que por parte do Concello de Carballo realizouse un estudo económico e estableceuse o menor prezo posible. Deste xeito, o canon baixa entre un 12 e un 13% e as taxas mensuais redúcense arredor do 45%.

Todo este proceso culminará coa licitación dos postos, un proceso que se levará a cabo nos vindeiros meses. O Mercado Municipal de Carballo conta na actualidade con 22 postos interiores e 9 exteriores, e a gran maioría das concesións están xa caducadas.

Asuntos económicos

Por outra banda, o alcalde, Evencio Ferrero, explicou os asuntos económicos que tamén se debaterán no pleno como o recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por 18.578,95 euros, situándose «nos niveis máis baixos en trinta anos», afirmou o rexedor. Tamén se aprobarán a conta de recadación e a actualización do inventario municipal de bens, que supera xa os 300 millóns de euros.

Na sesión do luns darase conta, ademais, da liquidación do orzamento do ano pasado, que se pechou cun remanente de 11.192.000 euros e sen débedas con entidades financeiras. A única débeda do Concello de Carballo é a do PAI da Deputación, por 3 millóns de euros. O ano pasado non se cumpriu a regra de gasto nin a estabilidade orzamentaria aínda que, como lembrou Evencio Ferrero, «foi case premeditado porque son dúas normas que non están vixentes».