- Será ás 19:30 horas. Previamente, o historiador Felipe Senén López dará unha conferencia sobre o mar, Bergantiños e os camiños de Compostela
Se hai algo que caracteriza ao Concello de Carballo é a súa aposta pola arte e a cultura e, nestas datas, non podían faltar actividades relacionadas con este sector. Así, a capital de Bergantiños acollerá o día 22 deste mes a exposición itinerante Facer Camiño, composta por unha vintena de pinturas, fotografías e esculturas co mesmo fío condutor: a peregrinación xacobea.
A inauguración será ás 19:30 horas no terceiro andar do Pazo da Cultura carballés. O acto estará presidido polo presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, e o rexedor, Evencio Ferrero. Previamente ao mesmo haberá unha conferencia do historiador da arte e académico Felipe Senén López Gómez, que falará sobre o mar, Bergantiños e os camiños de Compostela.
A mostra conta con obras de artistas moi diversos como Miguel Anxo Prado, Ignacio Basallo, Soledad Penalta ou Din Matamoro. Estará aberta ao público ata o 24 de xaneiro.