Carballo | O plan especial de Pedra do Sal xa se pode consultar publicamente

Plano de la zona afectada por el plan_ Concello de Carballo

  • O documento estará a disposición das persoas interesadas durante dous meses nos que se poderán presentar as alegacións correspondentes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou, con data de 22 de outubro, o anuncio de información pública do Plan especial de ordenación do núcleo de Pedra do Sal e de protección da súa contorna, elaborado pola empresa Monteoliva Arquitectura, S.L.P. O documento estará a disposición das persoas interesadas polo prazo de dous meses, durante os cales se poderán presentar as alegacións que se consideren oportunas. Paralelamente, dende o Concello de Carballo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos ás administracións con competencias na zona afectada.

Os titulares catastrais dos terreos afectados xa están recibindo as notificacións individuais, e a partir da vindeira semana terán á súa disposición un servizo de atención ao público individualizado. O equipo redactor atenderá presencialmente ás persoas interesadas os martes, de 17.00 a 20.00 horas, e os mércores, de 09.30 a 13.30 horas. En ambos casos será necesario solicitar cita previa no teléfono 981704705. As persoas que non poidan desprazarse ao Fórum Carballo poderán solicitar cita telemática.

Tamén continúan as sesións informativas no Centro Social de Imende. Este xoves volveron a celebrarse dúas xuntanzas, e están previstas máis para a semana que vén coas persoas que formalizaron a súa inscrición durante o período habilitado para esa finalidade.

O plan especial de Pedra do Sal abrangue un ámbito de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural no que, tal como se establece no PXOM, non poderán outorgarse licenzas ata o seu desenvolvemento.