Carballo | O PP demanda a supresión das taxas no sector da hostalería

PIXABAY

  • A súa voceira, Paula Nogueira, pide unha liña de axudas directas e talleres para mellorar as competencias dixitais

O grupo do Partido Popular no Concello de Carballo, a través da súa portavoz, Paula Nogueira, levará ao próximo pleno municipal unha moción na que demandará a supresión e a rebaixa de certas taxas para aqueles negocios que se viron obrigados a pechar debido á pandemia da Covid-19.

En concreto, os populares reclaman que o goberno local suprima o imposto pola ocupación do chan público das terrazas dos locais de hostalería para o ano 2021, e a devolución desta taxa para os negocios que xa realizasen os pagos correspondentes ao presente exercicio.

“A ingresos cero, impostos cero”, apuntou Nogueira, quen defendeu que a mellor maneira de poder axudar a este sector pasa por conseguir que “os poucos ingresos que estean a xerar queden directamente nos seus petos”.

Os populares tamén piden a posta en marcha dunha liña de axudas directas para os negocios de hostalería e de lecer nocturno, así como a realización de talleres enfocados á mellora das competencias dixitais.

Mesa da hostalería
Por outra banda, o PP considera “indispensable” a creación dunha Mesa da Hostalería que permita crear un espazo “estable e eficaz” de traballo para desenvolver proxectos e medidas que permitan mellorar a situación dun sector moi importante no Concello de Carballo.