- Os populares de Carballo sinalan que a Deputación se comprometera hai tempo a executar esta actuación
O PP da Deputación da Coruña presentou no pleno celebrado este venres un rogo no que os populares urxen ao goberno provincial que execute «canto antes» a senda peonil que transcorre pola DP-1902, no concello de Carballo, e que permitiría conectar o final da xa existente na Avenida de Razo con núcleo da parroquia de Oza.
A demanda chega despois de que o presidente da xestora do PP carballés, Rubén Lorenzo, mantivese nos últimos días unha reunión cos veciños da parroquia de Oza. «Estamos a falar dunha actuación que a Deputación da Coruña comprometeu a estudiar hai tempo pero que, ata a data, descoñecemos os prazos para a súa execución», dixo o popular.
Para Lorenzo, a construción da senda permitiría mellorar a seguridade viaria dun traxecto que serve para unir unha das parroquias máis importantes do Concello co núcleo urbano do municipio.