O programa está promovido polo Concello de Carballo en colaboración con entidades veciñais e consellos parroquiais. Ata o centro social de Aldemunde achegouse o alcalde, Evencio Ferrero, quen quixo compartir un anaco de tempo coa veciñanza. Alí están a participar no obradoiro de manexo dos teléfonos móbiles 19 persoas, proba do gran interese que espertou a iniciativa e da implicación da Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba para dala a coñecer entre a poboación. O curso, impartido en colaboración con persoal da Cruz Vermella, tamén se converte na primeira actividade que acolle a antiga escola unitaria, reformada durante a pandemia para ser reconvertida en centro social e punto de encontro para toda a veciñanza.
O curso rematará o día 31, pero o programa Actívate no inverno continuará durante a primeira quincena de febreiro con tres talleres teórico-prácticos. O día 1, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 8, sobre compostaxe doméstica, e o 15, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas. De xeito paralelo, durante a celebración de todo o programa de actividades poderá verse no centro social unha exposición de fotografía.