Carballo| O XXV Concurso Escolar de Teatro Lido «Xosé Manuel Eirís» xa ten finalistas

2 minutes read

O xurado, tras escoitar as gravacións realizadas polos 12 grupos participantes seleccionados para a segunda fase e logo das oportunas deliberacións, acordaron seleccionar para a súa lectura na Gala Final os seguintes grupos:

Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria):

·       Os Cristinatreiros, do CEIP A Cristina (de 3º, 4º e 6º de EP), coa obra Contos fóra de conto.

·       A Cuarta Revolta, do CEIP As Revoltas (de 4º de EP), coa obra O caso do pronome átono.

·       Samaritas e Samaritos, do CPI Cabo da Area (de 4º de EP), coa obra Memorias dun neno labrego en Ceuta.

Na 2ª categoría (Educación Secundaria):

·       Revoltoxos, do CEIP As Revoltas (4º da ESO), coa obra Resurrección artificial.

·       Rebolondas, do IES Eduardo Parga Pondal (2º da ESO), coa obra Unha nova ollada.

·       Nenos do futuro, do IES Eduardo Pondal (2º da ESO), coa obra Memorias dun neno cibernético.

Este domingo 8 de novembro, ás 18.00h, no Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, terá lugar a Gala Final, xunto a toda a rapazada participante desta edición (arredor de 130 nenas e nenos). Na gala, os grupos finalistas volverán interpretar as súas pezas teatrais e terá lugar a entrega de premios, valorados en 850 euros en libros e material didáctico grazas á colaboración da Librería Brañas Verdes, que este ano recibirá unha placa conmemorativa polo seu apoio.

O acto estará presentado por Alba Bermúdez, da compañía Galeatro, quen, ademais de ser o mestre de cerimonias, amenizará o evento cun espectáculo destinado a público familiar. A continuación, terá lugar unha chocolatada para todas e todos as e os escolares participantes. A entrada é libre ata completar aforo.