- Nos talleres poderán participar nenas e nenos, pero as primeiras terán preferencia no caso de que haxa máis solicitudes ca prazas.
Fomentar o acceso das nenas a eses ámbitos é a fin do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que vén de celebrarse o día 11, pero este ano tamén o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, terá como lema “Por un mundo dixital inclusivo: innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”.
Entre estas dúas datas, dende as áreas de Igualdade e Innovación do Concello de Carballo están a organizar para os próximos días unha serie de actividades que pretenden sumar esforzos de cara á consecución dos obxectivos marcados pola ONU.
A primeira proposta son os obradoiros de robótica que se celebrarán o día 25 na Biblioteca Rego da Balsa, e nos que, aínda que están abertos tanto a nenas coma a nenos, no caso de que haxa máis solicitudes ca prazas terá preferencia a participación feminina. As inscricións poden realizarse no 981 758 580.
De 10.00 a 11.20 horas levarase a cabo o taller Os segredos das mulleres tecnolóxicas, dirixido a participantes de 8 a 12 anos. Neste obradoiro, descubrirán o papel das mulleres na enxeñería informática e introduciranse no mundo da programación a través da ferramenta Micro:BIT, unha placa programable que integra diferentes sensores e actuadores, o que permite desenvolver multitude de proxectos.
Ás 11.30 arrincará a segunda proposta, Aventuras con mulleres científicas, para nenas e nenos de 6 a 8 anos.
