- Máis de 120 persoas participaron no acto, que coincidiu co segundo aniversario do inicio da pandemia.
O descubrimento dunha placa na que pode lerse unha estrofa do poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, pechou a emotiva homenaxe do pobo de Carballo ás vítimas da COVID-19. Un acto que reuniu este sábado a máis de 120 persoas na mesma praza que dende xullo do ano 2020 acolle a escultura Mágoa, símbolo do compromiso da sociedade carballesa de non esquecer nunca ás persoas falecidas durante a pandemia, que no concello foron medio centenar.
A voz de Gloria Pardines, profesora de Canto no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo, acompañada pola Orquestra de Corda do CMUS, que dirixe Emma Urango, deu a benvida ao acto a todas as persoas presentes: veciños e veciñas que acudiron a título individual, pero tamén representantes de todas as entidades sociais que desenvolven a súa actividade no concello, dos servizos de emerxencias, das forzas e corpos de seguridade e dos distintos servizos municipais para os que non existiu confinamento, que permaneceron ao pé do canón durante toda a pandemia e que seguen estándoo. Para todas e todos eles foi o primeiro agradecemento da tarde, expresado pola concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures.
O alcalde de Carballo tomou a palabra para pechar as intervencións, lembrando ás vítimas e lembrando que a COVID-19, aínda que con moita menos virulencia, segue entre nós, como demostran os casos que se seguen a diagnosticar a diario. Evencio Ferrero reiterou o agradecemento a todas as persoas que puxeron o seu grao de area para que por fin poidamos ver a luz ao final do túnel, e insistiu na importancia de recuperar, a través de eventos como este, o contacto e as relacións sociais, que tanta falta nos fan para o noso desenvolvemento como seres humanos.
O acto continuou cun pequeno concerto da Orquestra de Corda do CMUS. Sabela, neta dunha persoa falecida durante a pandemia, e Sofie, filla do escultor Fabián Lage, autor de Mágoa, foron as encargadas de realizar a ofrenda floral que, xunto co descubrimento da placa conmemorativa, puxo fin ao acto. Un xardín de azaleas e violas de flor branca, creado para a ocasión pola Brigada Municipal de Xardíns, acompaña dende agora a escultura e a placa que lembrarán para sempre ás vítimas da COVID-19 en Carballo.