Carballo | Operativas 10 persoas da Risga para traballos de mantemento

Actuación na ponte da rúa Luis Calvo_Cedida.

Despois de pasar os recoñecementos médicos, realizar o curso de prevención de riscos laborais, tomar as medidas para os uniformes e recibir unha formación básica, as 10 persoas que integran a brigada de traballadores/as perceptores/as de Risga xa están a traballar; en Carballo; nas tarefas que teñen encomendadas para os nove meses de duración dos contratos.

A Xunta de Galicia subvenciona as contratacións cun total de 140.103,90 euros, co obxectivo de que as persoas contratadas adquiran unha experiencia que lles permita acceder ao mercado laboral.

No caso carballés, esa experiencia céntrase en dúas áreas de actuación. Un dos grupos encárgase da limpeza e mantemento de espazos naturais e elementos patrimoniais como as férvedas, os muíños de Lema ou a Ponte Lubiáns, e tamén forma parte das súas tarefas a eliminación de vexetación nas beirarrúas do polígono de Bértoa. O outro ten como cometido a rehabilitación de mobiliario urbano, tanto metálico coma de madeira, en distintos puntos do concello.