Carballo opta a case 12 millóns de euros para axilizar os plans de reforma de Arnados e Pedra do Sal

Presentación da candidatura aos fondos europeos Next Generation EU_Concello de Carballo

  • O alcalde, a concelleira de Planificación e os concelleiros de Medio Ambiente e Innovación presentaron a candidatura, unha das primeiras de Galicia

Despois da aprobación inicial do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións de Arnados-Razo, o goberno municipal de Carballo fixo pública a candidatura aos fondos europeos Next Generation EU, coa que pretende xestionar 11,6 millóns de euros que permitirían financiar a totalidade das actuacións previstas dentro dos plans especiais de Arnados e Pedra do Sal, ademais de recortar significativamente os prazos de execución das infraestruturas e os servizos programados.

A candidatura foi presentada polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e os concelleiros de Medio Ambiente e Innovación, Miguel Vales e Iván Andrade, respectivamente. A posibilidade de recortar os prazos de desenvolvemento dos plans parciais que permitirán ordenar o litoral carballés foi un dos aspectos destacados polo alcalde, que xa anticipou que o goberno municipal ten a decisión de seguir optando a fondos europeos, tanto para os proxectos de Arnados e Pedra do Sal, se a candidatura ao programa Next Generation EU non sae adiante, coma para outros. Estes fondos europeos inxectarán 750.000 millóns de euros na economía dos estados membros para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia provocada pola COVID-19.

Milagros Lantes explicou que a elaboración dos plans especiais era un compromiso adquirido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que o goberno está cumprindo. “A ordenación do litoral, urbanisticamente, debe ser unha peza clave neste mandato, porque o litoral é moi importante para Carballo. O noso obxectivo é desenvolver os plans especiais nos prazos previstos, pero se podemos axilizalos, moito mellor, porque canto antes organicemos, planifiquemos e ordenemos a costa será mellor”, indicou a concelleira.

Á importancia medioambiental da franxa costeira referiuse o concelleiro de Medio Ambiente, ademais de aludir á “visibilidade” que ten cara o exterior dende o punto de vista turístico.

Unha das particularidades dos fondos Next Generation EU é que o procedemento será moi rápido, xa que en abril deberían coñecerse os proxectos seleccionados e a finais do ano 2023 deberían estar executados.