O programa Actívate segue viaxando, este luns 27 comezarán as charlas informativas na parroquia de San Miguel de Vilela, na que vén de rematar esta semana o curso de manexo dos teléfonos móbiles. Na última sesión, os/as participantes recibiron a visita do alcalde, Evencio Ferrero, que os animou a asistir tamén ás distintas actividades que se desenvolverán nas vindeiras semanas.
Este luns 27, ás 17.00 horas, achegaranse ata o centro social de Vilela dous axentes da Policía Local para abordar coa veciñanza diferentes cuestións de interese, dende a mellora da seguridade viaria ata outro tipo de cuestións relacionadas coa actividade policial. Os/as asistentes recibirán un chaleco reflectante para empezar a poñer en práctica os consellos que lles darán os axentes.
As seguintes sesións celebraranse os días 6 e 13 de marzo, á mesma hora, e centraranse na compostaxe doméstica e nos primeiros auxilios. Todas as charlas son de balde e están abertas á participación de todas as persoas interesadas, tanto da parroquia de Vilela coma de calquera outra.
Tras estas actividades, que se desenvolven en conxunto co consello parroquial de Vilela, o programa Actívate viaxará ata o barrio carballés da Brea coa colaboración da Asociación Cultural Mestra Carmen Cancela. O día 8 de marzo comezará o curso de manexo do teléfono móbil. As persoas interesadas en participar aínda poden anotarse poñéndose en contacto coa directiva da asociación ou enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion@carballo.gal.