Carballo | Os consellos parroquiais volverán a partir de setembro

1 minutes read

Os consellos parroquiais retomarán a súa actividade no mes de setembro. Dende o Concello de Carballo afirman que queren seguir fomentando a participación veciñal na xestión municipal, e os consellos parroquiais constitúen dende o ano 2017 unha canle fundamental.

Nestes momentos están constituídos 16 consellos parroquiais, nos que participan de xeito directo máis de 300 veciños e veciñas, e moitos máis de xeito indirecto, xa que antes da reunión cos representantes municipais é habitual que a veciñanza celebre xuntanzas abertas para recoller as propostas que despois serán trasladadas aos representantes municipais.

Nos consellos parroquiais participan o alcalde, Evencio Ferrero, e representantes de todos os grupos políticos municipais. Por parte da veciñanza hai participación do movemento asociativo, aínda que as portas están abertas a aquelas persoas que queiran sumarse a título individual. O obxectivo destes órganos de participación veciñal é recoller as propostas da cidadanía para telas en conta á hora de decidir sobre o investimento dos fondos públicos.

Neste curso as sesións celebraranse os xoves ás 20.00 horas entre os meses de setembro e febreiro. O calendario provisional é o seguinte:

  • 14 de setembro, Aldemunde
  • 21 de setembro, Ardaña
  • 26 de outubro, Artes
  • 2 de novembro, Bértoa
  • 9 de novembro, Cances
  • 16 de novembro, Entrecruces
  • 23 de novembro, Goiáns
  • 30 de novembro, Lema
  • 11 de xaneiro, Noicela-Rebordelos
  • 18 de xaneiro, Oza
  • 25 de xaneiro, Razo
  • 1 de febreiro, Rus
  • 8 de febreiro, Sísamo
  • 15 de febreiro, Sofán
  • 22 de febreiro, Verdillo
  • 29 de febreiro, Vilela