- A concelleira de Facenda e o alcalde presentaron o documento tras a primeira comisión informativa previa ao pleno do día 22
A corporación municipal de Carballo aprobará no vindeiro pleno, que se celebrará o luns 22, os orzamentos para este 2021 que acada os 26.159.231,03 euros, 186.828,66 máis ca o ano pasado. O documento, que xa lles foi entregado esta semana aos grupos da oposición, pon o foco nas políticas municipais de apoio ás familias e aos sectores máis castigados pola Covid-19. “Estamos ante un orzamento realista, social e adaptado á situación de pandemia”, manifestou a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro.
Xa que a situación de pandemia posibilita a incorporación de remanentes, o Concello de Carballo usaráos igual que «fixemos no 2020 con 3,5 millóns de euros en obras que se van executar este ano pero, sobre todo, pendentes de como vaian evolucionando as axudas doutras Administracións a sectores económicos moi castigados pola crise», destacou o rexedor, Evencio Ferrero.
No orzamento, ademais de incrementar ata 189.000 euros (127.550 máis que o ano pasado) a partida anual de axudas ás empresas locais, que será suplementada se é preciso, tamén se abre un fondo simbólico de 1.000 euros para posibles convenios coa Xunta e/ou a Deputación Provincial de liñas de axuda á hostalaría e outros sectores económicos, e que se ampliará nas porcentaxes que se acorden con esas Administracións.
Nesa mesma liña de axudas aos sectores económicos e ás familias, non se modifica ningunha taxa agás para rebaixala, como é o caso do lixo comercial para varios sectores, ou suprimila, como a de terrazas. Co mesmo obxectivo, por exemplo, increméntanse ata 120.000 euros (máis dun 70%) as axudas a particulares para atender as novas situacións de emerxencia social que poidan presentarse; destínanse 300.000 euros ao cofinanciamento dos servizos das escolas infantís, o centro de día e o xantar sobre rodas. Tamén se manteñen as colaboracións con Vieiro e Cáritas.
O peso que a crise sanitaria ten no orzamento do 2021 reflíctese en varios capítulos de gastos. “O que máis se resinte é o de investimentos, que se minora en case medio millón de euros, porque neste contexto entendemos que a saúde, e tamén a economía local, teñen que ser a prioridade”, sinalou o alcalde. Polo mesmo motivo, aumentan os gastos en bens correntes e servizos para procurar, asegurar e garantir unhas condicións de prevención e hixiene fronte ao coronavirus.