Carballo participa nos Xogos do Eixo Atlántico coa súa delegación máis numerosa

Imaxe da xubilación de Francisco García Bello_Cedida

  • 46 deportistas representarán ao concello bergantiñán do 4 ao 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia

Entre as grandes citas deportivas que regresan tras a pandemia están os Xogos do Eixo Atlántico, un evento transfronteirizo único en Europa que ten como obxectivos a promoción do deporte, a convivencia entre a mocidade e tamén un mellor coñecemento entre cidadáns das dúas rexións. Esta 14ª edición, que se celebrará do 4 ao 8 de xullo na cidade portuguesa de Maia, será a que contará coa maior participación da historia.

Carballo tamén estará presente e con nada máis e nada menos que 46 deportistas. Esta será a delegación carballesa máis participativa e coa representación máis completa da realidade deportiva local: atletismo feminino e masculino, baloncesto masculino, fútbol masculino, natación masculina e feminina e voleibol feminino. Xunto á ampla canteira deportiva, que se artella a través das entidades AD Fogar da Xuventude, Club Baloncesto Artai, Escola Basket Xiria, Asociación Deportiva Xiria e Sociedade Deportiva Sofán, viaxarán a Portugal 8 delegados e adestradores. Á fronte da expedición estará o técnico de Deportes Manolo Varela Bardanca que, ademais, integrarase no Secretariado Executivo de Deporte do Eixo Atlántico, na comisión organizadora dos xogos e no comité de competición de modalidades colectivas.

Bardanca releva como representante do Concello de Carballo a Francisco García Bello, ex-xerente de Carballo Deporte que, precisamente, será homenaxeado este luns na cerimonia de apertura dos Xogos. O acto inaugural está previsto para as 16.00 horas e incluirá un desfile dos 2.400 integrantes das delegacións participantes.

As 28 cidades do Eixo Atlántico representadas en Maia serán, ademais da anfitrioa e Carballo, Matosinhos, Gondomar, Bragança, Famalicão, V.N. de Gaia, Vila Real, Peso dá Régua, Valongo, Braga, Barcelos, Viana do Castelo, Santa Maria dá Feira, Amarante, Guimarães, Póvoa de Varzim, Lugo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Monforte de Lemos, Ponteareas, Vilagarcía de Arousa, A Coruña, Sarria, Santiago de Compostela y Vigo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha