Carballo participará nunha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso

3 minutes read

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Por décimo ano consecutivo, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da creación contemporánea en Galicia– abre unha nova convocatoria anual das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas pioneiro no territorio. Carballo participa un ano máis nesta iniciativa que está dirixida a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valórase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a estancia durante a residencia.

Residencias Paraíso contará cunha comisión de valoración composta por tres profesionais convidadas e dúas persoas do Colectivo RPM, que anunciarán no mes de abril os proxectos seleccionados. As/os interesadas/os poderán presentar a súa proposta até o 8 de marzo. O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa entre as que, ademais do Concello de Carballo, atopamos a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá ata 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico. As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026, no caso de Carballo, no Pazo da Cultura. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

O martes 3 de marzo, ás 12.00 h., Colectivo RPM realizará unha sesión informativa en liña en aberto, para resolver dúbidas ou cuestións específicas sobre a convocatoria. As e os interesados poden sumarse a través desta ligazón: https://meet.google.com/hfy-zboq-dxr