- Este xoves o Sergas notificaba 392 casos activos na localidade
A comisión de seguimento da COVID-19 en Carballo celebrou este xoves unha xuntanza para avaliar as novas restricións establecidas pola Xunta de Galicia para intentar frear o avance da enfermidade. “Estamos nunha situación de máxima emerxencia sanitaria, con risco de colapso do sistema sanitario, e a área sanitaria A Coruña-Cee é a que peor está”, manifestou o alcalde, Evencio Ferrero.
Este xoves na localidade carballesa bateuse un novo récord cun total de 392 casos activos, segundo os datos remitidos polo Sergas. Ante o incremento dos contaxios, o goberno municipal propuxo a adopción dunha serie de medidas que contan co aval da comisión de seguimento:
- Máis reforzo policial. A Policía Local traballará en grupos burbulla e haberá dúas quendas diarias de traballo, unha de día e outra de noite.
- As feiras e mercados continúan. Dado que non existen indicacións noutro sentido por parte da Administración competente, no Concello de Carballo seguirán celebrándose estas actividades.
- O Mercado Municipal segue aberto. Iso si, contará cun horario ininterrompido ata as 15:00 horas.
- Peche das instalacións deportivas e culturais. Seguindo as indicacións da Xunta de Galicia, o Concello de Carballo tamén procederá ao peche das bibliotecas, oficina de turismo e centros sociais. Ademais, debido á alta incidencia de positivos na localidade, á clausura dos citados equipamentos sumaranse tamén os parques de xogos e as pistas multideporte.
Dado que os prazos administrativos non están suspendidos, e a tramitación do plan especial de Arnados (Razo) segue o seu curso, o servizo de atención aos veciños e veciñas afectados manterase nas mesmas condicións que ata agora, con cita previa e atención individualizada.
A comisión de seguimento da Covid-19 volverá a reunirse a semana que vén.