Carballo pechou o 2020 cun remanente de máis de 11 millóns de euros

2 minutes read
  • O Concello alcanzara un orzamento de máis de 39 millóns

Como cada ano na localidade de Carballo, o pleno correspondente ao mes de agosto celebrarase o primeiro luns de setembro, polo que todos os membros da corporación xa están convocados para tratar, entre outros asuntos que conforman a orde do día, a conta xeral do ano 2020: un documento estritamente técnico que os servizos económicos elaboran para render contas a outras administracións de toda a actividade económica realizada durante o exercicio anterior.

Tal e como explicaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, durante a presentación dos asuntos no pleno, este informe «imprescindible para poder acceder a subvencións públicas» mostra que os 25.972.402 euros de orzamento aprobados inicialmente convertéronse en 39.598.388 grazas «ás achegas e incorporacións do remanente que se foron realizando ao longo do exercicio».

Este ano o Concello de Carballo cumpre a regra de gasto (continúa suspendida) e o límite de débeda, pero non o de estabilidade orzamentaria (tampouco se aplica), xa que o resultado do 2020 é de -1.089.106 euros, a pesares de que sae un remanente de tesourería de máis de 11 millóns. «Que máis estabilidade quere un concello? É o colmo do despropósito», manifestou Evencio Ferrero.

O obxectivo do goberno municipal de cara ao ano 2022 é seguir incorporando remanentes, como xa se fixo este ano e o pasado por algo máis de seis millóns de euros en total para, como declarou o alcalde, «seguir atendendo as necesidades que un concello como e de Carballo sempre ten».

Ferrero tamén enlazou os datos orzamentarios cos resultados da xestión tributaria correspondentes ao primeiro semestre do ano. Segundo o informe provisional dos servizos económicos, as porcentaxes de recadación están en niveis previos á pandemia e mesmo superiores. En vehículos, por exemplo, puxéronse ao cobro preto de 20.000 recibos e xa se materializaron o 88,76% (o ano pasado foron o 85,69% e no 2019, o 89,30%). En lixo de vivendas, con 18.300 recibos, xa se cobrou o 93,16% (no 2020 alcanzouse o 92,13% e no ano anterior o 92,64%). En vaos acadouse o 96,02% recadado (no 2020 foi o 95,05% e no 2019, o 96,27%).