Varias queixas recibimos este venres de veciños da céntrica rúa carballesa Vázquez de Parga, por incumprir a distancia de seguridade, con imaxes que dan fe diso. Principalmente están relacionadas coa concentración masiva de persoas á porta dos bancos e tamén nalgún bar da zona. Antonio comentábanos que «eu non podo tomar un café no bar, estou cansado de avisar do incumprimento de clientes de bares consumindo na beirarrúa sen máscara». Pola súa banda, Pedro Pardiñas mostraba a súa desconformidade pola falta de cumprimento da distancia de seguridade ás portas das entidades financeiras da zona mostrada por persoas non conviventes, afirma que bo sería que atendesen aos clientes con cita previa, para non telos amontoados na porta, sobre todo cando chove. Certo é que tal e como mostra a imaxe a distancia entre persoas é coma se practicamente non pasase nada. A realidade é que a capital de Bergantiños contaba este venres, segundo o Sergas, con 389 casos activos de coronavirus.
prensa@nhdiario.es