Carballo pon a disposición das familias 280 prazas no programa Concilia

O Concello de Carballo abre ata o 10 de agosto o prazo de solicitude do programa Concilia para o curso 2025-26. Co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, desde o ano 2006 a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade ofrece ás familias un servizo de recollida dos nenos e nenas a primeira hora da mañá nos propios centros escolares, cubrindo a necesidade de atención antes do inicio das clases pola mañá con persoal cualificando, ademais de ofrecer o servizo optativo de almorzo.

O servizo préstase de luns a venres os días lectivos dende as 7:00 ata a hora de incorporación ás clases en cada centro. Tamén se ofrece servizo nos períodos vacacionais de Nadal, Entroido, e Semana Santa, e nas pontes, así coma nos primeiros días de setembro. Nestes casos, as familias deberán deixar e recoller aos nenos e nenas na sede da empresa concesionaria, O Recuncho dos Nenos, situada na rúa Barcelona, número 18, entrechán dereito.

Para o próximo curso ofrécense, en principio, 280 prazas: 150 no CEIP Fogar, 100 no CEIP Bergantiños e 30 no CEIP Gándara-Sofán. Pero poderían ser máis, xa que a Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade implantará o programa Concilia en calquera outro centro no que exista un mínimo de 10 usuarios para o curso completo.

Información importante

  • O prazo de matrícula no programa Concilia será do 10 de xullo ao 10 de agosto para usuarios/as do curso completo. Para estes escolares tamén existe a posibilidade de dispoñer do servizo do 1 ao 5 de setembro na sede da empresa concesionaria, para o cal deberá presentarse a solicitude específica.
  • É importante asinar todos os documentos, tanto a matrícula como as autorizacións que figuran nos anexos. 
  • As solicitudes poden presentarse nos rexistros municipais, na Sede Electrónica do Concello de Carballo ou por calquera outro medio válido.
  • Os impresos de solicitude de praza poden descargarse máis abaixo. Tamén están dispoñibles no edificio de Servizos Sociais.

Prezos

Usuarios/as fixos/as

Con utilización do servizo todos os días: pagarán unha cota mensual de 38,46€ para o servizo de gardería e de 51,43€ no caso de gardería e almorzo.

Con utilización do servicio días soltos:

  • 1 día á semana: servizo de gardería: 10,06 €/mes / servizo de gardería e almorzo: 12,58€/mes
  • 2 días á semana: servizo de gardería: 19,68 €/mes / servizo de gardería e almorzo: 23,20 €/mes
  • 3 días á semana: servizo de gardería: 30,63 €/mes / servizo de gardería e almorzo: 38,40 €/mes
  • 4 días á semana: servizo de gardería: 34,27 €/mes / servizo de gardería e almorzo: 47,68 € /mes

Usuarios/as ocasionais

Servizo de gardería: 2,57 €/mes / servizo de gardería e almorzo: 3,19 €/mes

Períodos vacacionais (Nadal, Semana Santa, Entroido…)

Nos períodos vacacionais o prezo do servizo será de 10,40 €/día.

Toda a info en carballo.gal

Related posts

Nova programación de cursos no Fórum Carballo

A Laracha está a completar no rural a execución do proxecto de colocación das placas identificativas coa nova numeración

A Deputación da Coruña apoia a Carballo como museo de muralismo ao aire libre