Carballo | Aprobados varios expedientes de contratación de obras por máis dun millón de euros

1 minutes read
  • Entre as actuacións en marcha figuran tres obras previstas no proxecto Cicl-Ando Carballo, cofinanciado polo Programa Operativo Feder 2014-2020

A Xunta de Goberno Local de Carballo puxo en marcha no pleno ordinario deste luns varios expedientes de contratación de obras por un total 1.186.457,85 euros.

Entre as actuacións previstas atópanse a mellora da rede de abastecemento de auga para estender o subministro aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), cun investimento, incluído no POS+ 2020, que acada os 171.006,65 euros; e tamén a mellora na capa de rodaxe na vía da Canosa (Rus) a Pereiro Vello (Entrecruces). O investimento ascende a 304.445,69 euros, e tamén figura no POS+ 2020.

Con cargo ao mesmo plan, e cun orzamento de 188.266,01 euros, tamén se acometerá o proxecto de reurbanización da rúa Perú dende a glorieta do cruce coas rúas Ponte, Poñente e Luis Calvo ata o treito que xa está urbanizado. A rúa Tarragona tamén sufrirá unha reforma para mellorar a accesibilidade e os servizo urbanísticos, por valor de máis de 65.000 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou os expedientes de contratación das tres primeiras actuacións do proxecto Cicl-Ando Carballo, que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas para conectar distintos ámbitos do municipio. Os contratos que se licitarán nos vindeiros días corresponden, en concreto, á senda que bordeará o polígono industrial de Bértoa a partir do treito xa construído, cun orzamento de 278.398,14 euros; a conexión dos carrís bici da avenida de Razo e da avenida de Malpica, cun custe de 96.799,38 euros, e a mellora do carril existente nas rúas Poñente, Fábrica e avenida de Malpica, á que se destinan 147.458,79 euros.