Carballo pon en marcha un proxecto piloto de autobús urbano

2 minutes read

Aproveitando a celebración da Semana da Mobilidade o Concello de Carballo vai poñer en marcha un proxecto piloto de autobús urbano que permitirá ter un coñecemento aproximado da demanda que podería ter un servizo destas características.

O autobús funcionará desde o luns 18 ata o venres 22 deste mes de setembro. Realizará un percorrido circular cun total de 11 paradas: estación de autobuses, parque comercial A Revolta, capela da Milagrosa, mercado municipal, rotonda Gran Vía-Vázquez de Parga, viveiro de empresas do polígono industrial de Bértoa, rúa Wolframio, As Eiroas, centro de saúde, centro comercial Bergantiños, rúa Perú e de novo estación de autobuses.

O servizo empezará a funcionar ás 06.30 horas, pensando sobre todo nos traballadores e traballadoras que se desprazan ata o polígono de Bértoa. De feito, o Concello de Carballo xa presentou no seu día unha alegación nese sentido ao Plan de Transporte Público de Galicia, instando á Xunta de Galicia a incluír o parque empresarial como unha das paradas da liña Carballo-A Coruña. Segundo o Concello, a Xunta non tivo en conta a reclamación, nin tampouco a solicitude formulada polo empresariado do polígono de Bértoa para a creación dunha liña específica que comunique o principal centro empresarial do concello e da comarca coa zona urbana.

Cada percorrido terá unha duración aproximada de 20-30 minutos. O autobús funcionará durante toda a mañá e retomará a súa actividade pola tarde, ata as 19.00 horas, aproximadamente. O servizo estará dispoñible para toda a veciñanza, ata completar as prazas, e será de balde para as persoas usuarias.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?