Carballo lanza unha iniciativa para que os agasallos de Nadal non sexan sexistas

Imaxe de arquivo duns nenos xogando_Cedida

  • A campaña publicitaria, que arrincará esta fin de semana, complementarase co reparto de máscaras reutilizables a todo o alumnado de infantil e primaria

Co Nadal á volta da esquina, son moitos os que xa apuran a deixar listos os regalos para os máis pequenos. Por este motivo, a Concellería de Igualdade do Concello de Carballo inicia, un ano máis, unha campaña para mercar os xoguetes sen ter en conta o xénero das persoas que recibirán ese agasallo.

“Os xoguetes non teñen sexo. Non llelo poñas ti” é o nome desa iniciativa que arrincará esta fin de semana, e que inclúe accións en medios de comunicación e establecementos comerciais. Aínda que se fará de publicidade enfocado ás tendas relacionadas coa infancia, se algún negocio está interesado en participar poderá anotarse en comunicacion@carballo.gal.

«O problema non é que os nenos e as nenas prefiran actividades diferentes, senón que se lles limite a unha actividade dependendo do seu sexo e, sobre todo, que se lle dea menos valor ao vinculado coas nenas e ao feminino», destacan desde a Concellería de Igualdade que, neste caso, conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Ademais, para agradecerlle aos máis pequenos o seu bo comportamento neste ano tan atípico, nos vindeiros días distribuiranse nos colexios máscaras infantís co lema “Construíndo igualdade” aos máis de 2.500 alumnos e alumnas de infantil e primaria do concello.

Related posts

Un condutor queda atrapado tras colidir contra outro vehículo en Cee

Comezaron os traballos de restauración do Faro do Roncudo, en Corme

Nova programación de cursos no Fórum Carballo