O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, supervisaron o avance das obras de mellora no núcleo rural de Imende, na parroquia de Noicela. O proxecto, cun investimento de 434.808,04 euros, supón unha transformación integral que aposta pola calidade urbana e o respecto polo patrimonio rural.
En total será pavimentada unha superficie de 10.280 metros cadrados. Daniel Pérez puxo en valor o tipo de solución técnica empregada, baseada no uso de formigón de alta resistencia, xa que este modelo de pavimentación supón “un antes e un despois na configuración dos nosos núcleos tradicionais”, indicou.
O alcalde explicou que a elección deste material non é casual, senón que responde a un compromiso coa excelencia paisaxística: “Estamos a seguir as directrices da Guía de boas prácticas en intervencións en núcleos rurais editada polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente”. Daniel Pérez subliñou que este tipo de acabados “axústanse mellor á contorna tradicional que o asfalto convencional, ademais de ofrecer unha maior durabilidade e unha estética moito máis integrada co carácter rural de núcleos coma o da Imende”.
Pola súa banda, o concelleiro Luis Lamas destacou que a intervención vai moito máis alá da superficie. O proxecto incluíu a renovación ou finalización das redes de saneamento, abastecemento de auga e pluviais, así como o soterramento de máis de 2.200 metros de canalizacións para o alumeado público e as telecomunicacións. Ademais, grazas á colaboración veciñal será posible ensanchar varios treitos do rueiro interior do núcleo de Imende.
“O obxectivo é que os veciños e veciñas de Noicela teñan servizos de primeira”, indicou Lamas, e lembrou nese sentido que a obra tamén inclúe a creación de zonas verdes con celosía de formigón e a plantación de árbores ornamentais, o que contribuirá a humanizar o espazo público.