Carballo pon fin á campaña de trampeo da velutina con máis de 32.400 raíñas capturadas

1 minutes read
  • Este ano participaron na campaña de trampeo un total de 245 persoas

No concello de Carballo rematou a campaña anual de trampeo da avespa velutina, iniciada o pasado 5 de marzo. Ata o 31 de maio capturáronse un total de 32.486 raíñas, «máis do dobre que o ano pasado» destacan desde o Servizo Municipal de Control de Pragas. No último mes contabilizáronse 13.826, case tantas como en toda a campaña do 2020.

Este ano participaron na campaña un total de 245 persoas, moitas delas vinculadas ao sector apícola. En total colocáronse 1.519 trampas facilitadas polo Concello de Carballo, que se sumaron a moitas outras de fabricación caseira. Ademais, dende o Servizo Municipal de Control de Pragas repartíronse, de balde, un total de 1.736,5 litros de líquido atraente.

A campaña de trampeo concéntrase entre os meses de marzo e maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios. Os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia, o 012.