Carballo por Etapas, unha viaxe polo mellor da nosa gastronomía

2 minutes read

Carballo por Etapas cumpre sete anos levando o mellor da gastronomía local aos padais de centos de veciños e visitantes que acoden aos bares, tascas e restaurantes da vila para gozar dos produtos de proximidade. Por 2 euros a tapa poderemos probar as delicias do mar con bacallau, gambóns, polvo, mexillóns, chipiróns ou atún Calvo, e da terra con solombo de porco, polo, vaca, verduras frescas, xamón ou as nosas saborosas patacas, entre outros moitos manxares.

Este ano son 17 os locais hostaleiros que se animaron participar nesta ruta gastronómica: A Barra Bar, A Nova Ferradora, A Nova Tasca, Cafetería Habanos 79, Cervecería Ágora, Cervecería A Tapería, Korner Carballo, Mesón A Cabaña, Mesón As Viandas, Oasis Restaurante-Vinoteca, O’Burato 26 Marisquería, Restaurante A Esmorga, Restaurante Mesón do Pulpo, Restaurante Vinoteca A de Pako, Taberna O Mexillón e Trattoría Pizzeria Vesuvio. Representantes destes locais estiveron na presentación da iniciativa, na que tamén participaron colaboradores e patrocinadores, así como o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira.

Presentación de Carballo por Etapas.

Con cada tapa recibirás un rasca co que poderás obter premios directos: camisetas, libretas, bolígrafos, xogos de seis copas de viño, botellas de viño magnum ou outra tapa no mesmo local para poder seguir gozando da comida.

Por último, haberá un tren percorrendo a ruta durante os días de Carballo por Etapas, con paradas diante de todos os bares participantes. O tren circulará os venres 24 e 31 de maio de 19.00 a 21.00 horas e o resto dos días de 12.00 a 13.30 h. (excepto o domingo 26 que non circulará pola mañá) e de 18.00 a 21.00 h. O punto de saída será a rúa Desiderio Varela cunha frecuencia de 30 minutos, aproximadamente.

Datas: 24, 25, 26 e 31 de maio e o 1 e 2 de xuño, dúas fins de semana consecutivas de venres a domingo.

Horarios: venres de 20.00 a 22.00 e sábados e domingos de 12.00 a 14.00 e de 20.00 a 22.00.