Carballo porá a disposición da veciñanza as plantas que se retiren das zonas verdes 


As 7.500 flores que se plantaron antes do verán serán substituídas por outras tantas que sexan capaces de resistir as condicións meteorolóxicas propias do inverno. Por primeira vez, as flores que se retiren en boas condicións poranse a disposición da veciñanza para que teñan unha nova vida nos fogares carballeses.  

“O obxectivo é realizar unha xestión cada vez máis sostible do servizo de parques e xardíns”, explica o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ao tempo que se pretende recompensar o compromiso dos veciños e veciñas que contribúen a que Carballo sexa cada vez máis sostible. Por iso, o primeiro reparto de plantas de temporada realizarase entre as familias que participan nos programas de compostaxe promovidos polo Concello, tanto na zona urbana coma na rural. 

Deste xeito, tanto se tes un composteiro na túa casa coma se tes a chave que abre os colectores marróns, achégate este xoves 24 ou o domingo 27 ata o posto que estará instalado na rúa Coruña, onde haberá persoal da brigada municipal de xardíns para entregarche a túa planta. E se te adhires a calquera dos programas, tamén. O horario de apertura será de 10.30 a 13.30