Carballo | Posta a punto dos colexios e as súas infraestruturas para o inicio do curso

Cedida.

Co comezo do curso 2022-23, que acaba empezar, entrará en servizo o renovado pavillón polideportivo do CEIP Gándara-Sofán, no que se colocou unha nova cuberta, illamento, gradas, novo pavimento, equipamento e unha pasarela cuberta de comunicación co colexio, entre outras melloras. A obra está practicamente rematada e o alumnado poderá empezar a utilizar o pavillón a partires da semana que vén, tal como confirmaron os encargados das obras ao alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, na visita que realizaron as instalacións.

No CEIP Bergantiños a Brigada Municipal de Obras rematou unha serie de traballos que incluíron a renovación das luminarias, instalacións de fontanería ou substitución dos mecanismos eléctricos das persianas do edificio de Educación infantil, entre outras melloras. Os operarios municipais tamén colaboraron para os acabados das aulas nas que se procedeu á substitución dun total de 10 ventás con fondos do propio colexio, e que se suman ás 19 cambiadas polo Concello nestes últimos anos.

No CEIP Xesús San Luís Romero procedeuse ao cambio de pomos das portas e ao arranxo dos xogos infantís.

A escola de Mirón, na parroquia de Bértoa, tamén vén de ser obxecto dunha importante reforma que incluíu o cambio de ventás, a renovación de todo o solo e o acondicionamento dos aseos, ademais do pintado interior.

Tamén se acometeron as accións de desinfección, desinsectación e desratización en todos os colexios e escolas unitarias, xunto coa limpeza dos areeiros ou os controis da calidade da auga, que se realizan periodicamente ao longo de todo o curso.