- A entrega de premios será no mes de setembro no Parador de Muxía, con aforo limitado
Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego, premiará o Concello de Carballo “pola súa aposta decidida pola economía social”. Dende a entidade que preside José Antonio Vázquez Freire destácase a “estreita colaboración laboral que manteñen con algúns dos nosos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro” como unha das “circunstancias positivas” que tivo en conta o xurado.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, amosouse agradecido e orgulloso pola concesión do premio, que reforza así as políticas de integración laboral polas que aposta o goberno municipal, que converteu Carballo no primeiro concello galego en adxudicar o servizo de limpeza viaria a un centro especial de emprego.
A entrega dos Premios Cegasal coincidirá coa do Premio Xornalístico, que se convoca dende hai catro anos “para homenaxear ás institucións, empresas e medios de comunicación máis solidarios co mundo da discapacidade”. O acto celebrarase no mes de setembro no Parador de Muxía, con aforo limitado.