Carballo | Preocupación por quedadas para pelexas na contorna do IES Alfredo Brañas

Zona escolar.

Pais e familiares de alumnos do IES Alfredo Brañas de Carballo contactaron este venres con este medio para mostrar a súa preocupación polo que definen como presunto acoso e ameazas dun grupo de mozos alleos ao centro que a diario merodean pola contorna do instituto á hora da saída de clase ao mediodía. Varios alumnos do propio centro afirman que “quedaron para pelexarse na zona próxima aos depósitos da auga”, rumores que crearon preocupación no grupo de pais. Uns e outros prefiren manterse no anonimato e barallan a posibilidade de presentar denuncia no cuartel da Garda Civil de Carballo, que se atopa a menos de cen metros do lugar, pero tamén esperan que coa xa próxima finalización do curso a situación se acóugue e as augas volvan ao seu leito. Afirman que os feitos levan sucedendo varios días desde hai unhas semanas e que foron postos en coñecemento das forzas da orde. Dáse a casualidade que a localización é moi próxima onde faleceu o pasado 13 de abril un veciño da zona, presuntamente ao recibir un golpe doutra persoa e caerse contra unha columna de formigón e ao chan.