Carballo | Preocupante episodio de violencia nas rúas

Turismo Citroen C4 queimado este domingo na avenida do Ambulatorio.

  • Os feitos ocorren unha semana despois do incendio que arrasou a sede da asociación Vieiro, situada a poucos metros do lugar.

Tras os últimos acontecementos de hai unhas semanas onde o incesante goteo de queima de contedores por diferentes rúas do municipio puxo en alerta a veciños e autoridades, este domingo, xa entrada a noite, a cuestión da violencia nas rúas parece recruarse e complicarse aínda máis.

Pasados uns minutos das nove da noite os vándalos incendiaron un novo contedor de lixo orgánico próximo ás vivendas da rúa Vila de Arousa, ao lugar acudiron os bombeiros do parque de Bértoa, que empregaron 300 litros de auga para sufocalo, aínda que o contedor quedou totalmente inservible.

Contedor queimado este domingo na rúa Vila de Arousa.

Acto seguido producíronse os episodios mais graves de violencia nas rúas ao ser calcinados parcialmente, polo menos que se saiba ata o momento, tres turismos estacionados na rúa. Dous deles estaban aparcados na avenida do Ambulatorio, e o outro na próxima rúa Saturno. Ademais, veciños da rúa Andorra evitaron que o lume se propagase noutro coche máis. A casualidade de que uns voluntarios de Protección Civil pasasen nese momento pola rúa Ambulatorio evitou males maiores e que os vehículos terminasen pasto das chamas, dado que baleiraron dous extintores de po para atallar o lume nun Citroen C4 e nun BMW Serie 5, que estaban a comezar a arder. O da rúa Saturno apagouno a Policía Local cos seus medios.

BMW queimado este domingo na avenida do Ambulatorio.

Ao lugar alertados polo 112, tambien acudiron os Bombeiros, quen colaboraron na refrixeración con 500 litros de auga así como na comprobación da temperatura con cámara térmica.

Non houbo danos persoais, nin tampouco o lume chegou a propagarse pola totalidade dos turismos, pero si hai unha gran preocupación polo ocorrido, feitos que investigan as forzas de seguridade para tratar de localizar ao responsable ou responsables destes delitos.

Turismo Peugeot queimado este domingo na rúa Xúpiter.