Carballo prepárase para o Food Truck Fest

CEDIDA

  • Durante esta fin de semana en Carballo poderanse degustar desde bocadillos ata comida mexicana, e mesmo ver en directo mostras de cociña

A Praza do Concello de Carballo estará invadida entre o venres 13 e o domingo 15 de setembro polo Food Truck Fest, unha cita coa cociña sobre rodas na que seis vehículos ofrecerán variantes gastronómicas para todos os gustos. Os asistentes e máis curiosos poderán degustar desde hamburguesas premium ata cociña veggie, ademais de descubrir viños de autor ou cervexas especiais. Pero isto tan só é un parte do Food Truck Fest, xa que tamén haberá “showcocking”, ou mostras de cociña en directo, e tamén actividades e música durante toda a fin de semana.

Que é un food truck?
O termo inglés “food truck” úsase para denominar ós camións ou furgonetas que ofrecen comida no seu interior, onde o usuario pode ver en directo como preparan o produto.

O fenómeno dos “food trucks” e a comida de rúa vai cobrando gran importancia a medida que medra o interese pola gastronomía, sobre todo nas grandes cidades europeas, onde cada vez a xente demanda máis fórmulas nas que se misturen gastronomía e ocio en espazos abertos.

Na Praza do Concello de Carballo haberá 6 food trucks que chegarán desde diversos puntos de España: PanPiragua (Asturias), Misco-Midas Foodtruck (A Coruña-Canarias), Misco-Midas Grill, Veggchamel (Pontevedra), El 22 (Asturias-México) e Piazza La Peregrina.

Entre os cociñeiros que estarán no showcooking atópanse Álvaro Victoriano dos Restaurantes Peculiar e Intenso da Coruña, Marcos Seoane do Restaurante Río Sil de Carballo, Rocío Martínez do Restaurante Pementa Rosa e Atelier de dóces Arabela e Chisco Ramons do Restaurante A Esmorga.

E como no Food Truck Fest hai lugar para todos, instalaranse 5 postos de artesanía como son o Obradoiro Gorín de Buño, Amorote, printing workshop, La madrina de Candela, Axóuxeres e chisqueiros e a Asociación artística Crea Formas, e ademais os que visiten este evento tan especial poderán escoitar en directo a grupos musicais como The Cruz, Reconversión ou o DJ Pop Voyage.