Carballo prepárase para o Samaín coa colocación de cabazas nos xardíns municipais

Cedida

  • Este ano habilítanse catro zonas verdes para que a rapazada poida colocar as súas cabazas decoradas

Coincidindo coa colocación das primeiras cabazas na Praza de Galicia, este martes arrancou unha nova edición da campaña ‘Presume de xardíns’ en Carballo co obxectivo de fomentar o coidado e respecto polas zonas verdes e espazos públicos a través dunha participación activa. Onte, o xerente de Dixardín, Carlos Iglesias, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron esta iniciativa que se enmarca dentro dun programa anual de actividades relacionadas coa natureza e o medio ambiente denominado ‘Catro estacións’.

Ao igual que o ano pasado, desde o Concello animan aos máis pequenos a que participen na decoración dos xardíns para «implicalos no coidado das zonas verdes tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, fomentando ademais a creatividade infantil», sinala o rexedor.

Despois da boa acollida que tivo esta actividade o curso pasado na contorna do CEIP Bergantiños, esta vez reserváronse catros espazos para a rapazada e as súas cabazas: a rúa Eduardo Pondal, a rúa Campo da Feira, o Parque do Anllóns e o Parque do Chorís. A colocación farase por libre pero só nas zonas sinalizadas con letreiros.

A veciñanza e as persoas que visiten Carballo tamén poderán gozar da beleza dos crisantemos nos xardíns municipais, que ademais contan con compost producido polos participantes dos programas de compostaxe doméstica. O próximo 4 de novembro o goberno local, coincidindo co mercado semanal, instalará un posto para repartir pequenas bolsas de compost ás persoas colaboradoras.