- A veciñanza poderá realizar cachelas, churrascadas, sardiñadas ou similares en espazos privados
Coa celebración do San Xoán ás portas, desde o concello de Carballo lembran a importancia de cumprir coas normas sanitarias e as referidas á realización das cachelas. O Goberno local autoriza a colocación de barbacoas ou similares, pero non poderán realizarse lumaradas nos espazos públicos do municipio durante a noite do 23 ao 24 de xuño. A veciñanza poderá realizar fogueiras, churrascadas ou similares en espazos privados.
Os establecementos de hostalaría tamén terán permiso para este tipo de comidas, velando polo cumprimento das restricións establecidas no Plan de Hostalaría Segura de Galicia. Tanto as persoas coma os locais de hostalería deberán realizar unha comunicación previa cubrindo a instancia específica que se pode descarga na web municipal. O prazo para presentar estas solicitudes remata o 22 de xuño.
Para iniciar unha fogueira será necesario cumprir unhas normas. As cachelas terán que distar un mínimo de 12 metros de edificacións e árbores. O diámetro máximo de zona de combustión será de 4 metros de ancho, cunha altura máxima de 2 metros.
Desde o Concello sinalan que queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, latas ou similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva.