Carballo prepárase para un Curruncho Pop moi completo

El concejal de Cultura, Marcos Trigo, con Huguette Periscal y María Álvarez, en la presentación del Curruncho Pop 2020_Concello de Carballo

  • Seis concertos e tres presentacións literarias enchen o cartel, que arrinca este sábado coa única actuación de Jamie Perrett

O confinamento do 2020 sorprendeu en plena celebración do Curruncho Pop. Dos catro concertos previstos só se puido realizar o primeiro: unha colaboración inédita e excepcional entre Huguette Periscal, Maraya Zydeco e Blues Chico. Unha actuación que «nos deixou con ganas de máis», afirman desde o Concello de Carballo, anunciando este mércores o retorno das dúas primeiras artistas, aínda que esta vez por separado, no auditorio da biblioteca Rego da Balsa. Os seus compañeiros de cartel, Magín Blanco e Diego Vasallo, tamén tocarán e cantarán en Carballo dous anos despois. Little Niño non poderá estar presente nesta ocasión, aínda que o convite segue dispoñible para cando sexa posible.

O Curruncho Pop anticipa unha primavera cultural de música e literatura (entre outras artes) con forza. Seis concertos e tres presentacións literarias enchen o cartel do 2022, que arrinca xa este sábado. O aforo do auditorio da biblioteca Rego da Balsa é reducido, polo que será preciso reservar praza no 981 758 580 (máximo catro pases por persoa). A entrada, coma sempre, será de balde.

Para poder desfrutar das actuacións tamén en familia, este ano axustáronse os horarios: as presentacións literarias serán ás 19:30 horas e as actuacións musicais ás 20:30 horas.

29 DE XANEIRO. O Curruncho Pop arrincará xa este sábado con Jamie Perrett, que se atopa de xira por España. O artista británico comezou a súa traxectoria musical sendo parte do grupo de Babyshambles, de Peter Doherty. Ademais, as súas cancións amosan gran influencia da música do seu pai, Peter Perrett (The Only Ones).

5 DE MARZO. O xornalista musical e doutor en Filosofía Álvaro Alonso presentará o libro ‘Townes Van Zandt. La eternidad en una canción’, un percorrido pola vida e obra do xenial músico norteamericano. A continuación, Hendrik Roever (Del-Tonos) e Óscar Avendaño (Siniestro Total) farán un percorrido musical pola obra do lendario compositor americano.

26 DE MARZO. Luis Lapuente e David Moreu falarán da historia do soul nun percorrido monográfico de dous escritores que teñen publicado unha ampla bibliografía sobre o tema. De seguido actuará Huguette Periscal, unha das voces máis destacadas da escena musical carballesa que xa formou parte de bandas como Dude, Sonseis ou o seu proxecto actual, o dúo Quercus Blues. Pechará a xornada a banda coruñesa Madame Bird, integrada por músicos de amplo percorrido musical e nas artes escénicas, con Carla de Figueredo á voz.

7 DE MAIO. Desnortadas é unha proposta poético-musical que xorde do último poemario da autora carballesa Rosalía Fernández Rial, Desnortada (Espiral Maior, 2021), que desta volta inclúe un cd con varios dos poemas musicados pola autora, acompañada pola virtuosa acordeonista asturiana María Álvarez Santiago (Maraya Zydeco),considerada como unha das mellores de Europa.

21 DE MAIO. Magín Blanco é un compositor, guitarrista e cantante galego moi coñecido polo público cativo. Comezou a súa carreira musical no grupo ourensán La Rosa, co que editou catro discos entre 1988 e 1995. Desde o ano 2006, lanzou tres discos en solitario antes de dedicarse á música infantil. En Carballo estará acompañado polo músico, xornalista e escritor ourensán Carlos Rego para presentar o libro Magín Blanco. O camiño da luz, que fai un percorrido biográfico pola particular carreira deste músico.

4 DE XUÑO. Diego Vasallo é un intérprete, compositor e letrista pop, que foi explorando diferentes estilos ao longo da súa carreira (techno, rock, bossa nova ou jazz). É, ademais, pintor e poeta. Coñecido por formar parte da mítica banda Duncan Dhu, tamén tivo unha ampla carreira en solitario desde os 90. O seu último traballo de estudio Las rutas desiertas (2020), soará en Carballo.