Carballo presenta a programación cultural pola inauguración da praza Xela Arias

Cedida

Este venres presentáronse en Carballo as actividades conmemorativas da inauguración da praza Xela Arias nun acto no que participaron o alcalde, Evencio Ferrero, a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e a artista local Rakele Cavallo, autora do mural conmemorativo que presidirá a praza. Nese espazo urbano celebrarase este domingo 16 un acto simbólico de recoñecemento á figura da escritora, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Maruxa Suárez explicou que a inauguración da praza Xela Arias é un símbolo do compromiso coa cultura galega e coa promoción da nosa lingua pero tamén coa igualdade, a través de accións como “a visibilización de mulleres que destacaron nos ámbitos profesional e social no rueiro, sendo Xela Arias a número catorce”, dixo.

A concelleira de Normalización Lingüística destacou a boa acollida da iniciativa entre a veciñanza da praza e deu a coñecer o programa de actos do domingo, no que participarán o compañeiro e o fillo de Xela Arias, a escritora carballesa Rosalía Fernández Rial, libreiros e libreiras, autores/as locais, veciños/as dos dous edificios que hai na praza e membros da corporación, entre outras persoas convidadas. Precisamente, debido ás limitacións de aforo, a asistencia ao acto será con convite.

As actividades do Día das Letras Galegas continuarán o propio 17 de maio co espectáculo Por Xela!, unha homenaxe á autora que, como apuntou Marcos Trigo, “une tres disciplinas moi vinculadas a ela: a poesía, a fotografía e a música”. As entradas están á venda en www.ataquilla.com.

Ademais destas actividades, o Concello de Carballo enviou libros aos catro centros educativos de secundaria: preto de 2.000 exemplares dun libro de poemas e fotografías de Xela Arias para cada alumno, e unha selección de libros de publicación recente -na súa maior parte de autores/as locais- para as bibliotecas.