A programación dos «Venres Coolturais» presentouse este xoves no Pazo da Cultura nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e Jacobo Sutil, director de Agadic.
Unha trintena de actividades de teatro, música, cine, fotografía e artes plásticas. Dentro do programa de sala dos venres, o Pazo da Cultura acollerá catro espectáculos infantís do ciclo “En familia”, catro espectáculos de teatro para adultos e dous concertos (todos, co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, salvo o Rock Carballo). O prezo da entrada é de 3 e 4 euros, segundo o espectáculo (prezo reducido de 2 e 3 euros para maiores de 60 anos, estudantes con carné de estudante e menores de 18); e o dos bonos, de 15 euros (10 o bono de prezo reducido). Poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo o mesmo día da función, desde 90 minutos antes do inicio.
“Aínda que a denominación xenérica é ‘Venres Coolturais’, dixo Marcos Trigo, “o noso programa cultural deste inverno non se circunscribe só a ese día, senón que haberá actividades os domingos, os xoves e practicamente todos os días”. O concelleiro debullou polo miúdo as propostas do ciclo e agradeceu a presencia no Pazo do responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais.
Jacobo Sutil defendeu a estreita colaboración que manteñen en favor da cultura “dúas administracións que teñen colores políticos distintos, como son a Xunta e o Concello de Carballo, pero iso é irrelevante para os obxectivos, neste caso comúns, que ambos perseguimos”.
Evencio Ferrero falou da amplísima oferta cultural que ofrece o Concello de Carballo ao longo de todo o ano. “Sempre é grato presentar ciclos de tanta calidade”, engadiu, “É certo que hai eventos que magnifican todas esta programación, como poden ser o FIOT ou o Carballo Interplay, pero tamén é certo que varias das propostas dos ‘Venres Coolturais’ poderían formar parte de calquera festival de vangarda. O alcalde rematou agradecéndolle ao departamento de Cultura que sempre “estean con esa sensibilidade especial para que Carballo siga sendo un referente e que a programación que se manteña en Carballo sexa unha programación que respecte por riba de todo parámetros de calidade”.
Actividades programadas:
