Carballo presenta unha ruta polas rúas dedicadas a mulleres pioneiras

Rúa Juana de Vega en Carballo_Cedida

  • Cada día da semana haberá unha nova iniciativa para conmemorar o Día da Muller

A Concellaría de Igualdade de Carballo continuará ao longo de toda esta semana co programa de actividades conmemorativas do Día da Muller, que se celebrou oficialmente este luns día 8. Ademais de manter a iluminación nocturna da Casa do Concello ata o domingo, cada día presentarán unha nova iniciativa. A deste martes consistiu nunha ruta urbana polas rúas dedicadas a mulleres pioneiras que loitaron pola igualdade, e que dende este luns están identificadas con placas de cor violeta nas que, ademais no nome da muller, figuran os anos do nacemento e a morte e o motivo polo que son coñecidas.

Esa nova ruta permítelle aos participantes descubrir a figura destas mulleres e percorrer zonas da vila con historias moi diferentes: dende o Carballo máis céntrico, onde se atopa a renovada rúa Concepción Arenal, ata a contorna da fracasada urbanización Costa Nariga, na que se sitúan a maior parte das rúas con nome de muller. Esta ruta pasa polas rúas adicadas á escritora Syra Alonso (1899-1970), á xornalista Sofía Casanova (1861-1958), á activista e política Clara Campoamor (1888-1972), á actriz e bailarina Carolina Otero (1868-1965), á escritora e violinista Luisa Villalta (1957-2004), á pedagoga María Barbeito (1880-1970), á escritora e costureira María Mariño (1907-1967) ou á activista social e política Juana de Vega (1805-1872).

Moi preto da urbanización hai outro conxunto formado polas rúas da escritora e xornalista Emilia Pardo Bazán (1851-1921), da pintora Maruja Mallo (1902-1995) e da actriz María Casares (1922-1996), situadas no ámbito das coñecidas como Casas de Ferreiro.

De regreso ao centro da vila, os participantes da iniciativa pasarán pola rúa dedicada a Rosalía de Castro xa dende a época franquista, o que demostra, en palabras do alcalde, Evencio Ferrero, «a importancia da súa figura a nivel literario pero tamén de compromiso co feminismo». Rosalía de Castro, xunto con Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal serán as protagonistas da próxima acción da semana dedicada á muller en Carballo, prevista para este mércores.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha