Este venres tivo lugar o acto de presentación da ‘Festa da Milagrosa’, que será os días 2, 3 e 4 de setembro. A cita, celebrada na antiga escola de Arrabales, estivo moi concorrida ao redor dos detalles que ofreceron o presidente da comisión, Luís Barca, o sociólogo carballés Santi Pazos, e o alcalde da vila, Evencio Ferrero. Por esta orde de intervención debullaron o máis relevante desta cita que recupera todo o seu esplendor tras a pandemia. Pregoeiro de altura como é Paco de Barreira, home de barrio, carballés de prol, moi ligado ao comercio, a industria e ata á política en tempos pasados. Haberá orquestras e das boas, para mostra diso e bailar sen parar, a canaria Furia Joven, dirixida polo polifacético Josue Carreño. Pero tamén discoteca movil, porque «os mozos van a outro ritmo e hai que cotentar a todo o mundo», matizou o presidente. Santi Pazos, responsable da revista elaborada pola comisión destacou e agradeceu a colaboración das casas comerciais nunha publicación que se comenta que «xa supera á do San Xoán». O alcalde pechou a roda de intervencións convidando a todas e todos a acudir a gozar da festa e se é con «chaqueta» como outrora, mellor.
Actuacións musicais destacadas:
- Día 2 primeira gran verbena, a cargo da orquestra Cinema e da disco móbil Impacto.
- Día 3 orquestras Master e Furia Joven.
- Día 4 grupo Bomba e Dj Giancarlo.