Carballo | Presentada a ‘Primavera Endanza’, que chega ao seu 20 aniversario

Cedida.

A mostra Primavera enDanza de Carballo chega este ano á súa vixésima edición, para a que volve contar co apoio da Xunta de Galicia no cofinanciamento, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dos cinco espectáculos programados este ano. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acompañou os responsables municipais e os representantes das compañías na presentación do ciclo, que se desenvolverá do 22 de abril ao 8 de maio no Pazo da Cultura.

Nesta nova entrega de Primavera enDanza, son tres as formacións galegas participantes: Colectivo Glovo, que abrirá a mostra o vindeiro día 22 con EM.NA, un espectáculo que afonda no carácter máis instintivo e intuitivo da natureza humana; Fran Sieira Compañía de Danza, que o día 23 porá en escena DeMente como un exercicio poético arredor da loucura, da diversidade e da liberdade, e Janet Novás xunto coa compositora e música Mercedes Peón na peza Mercedes máis eu o día 30.

Xa en maio, o día 6 será a quenda da compañía alacantina Otra Danza, que na montaxe Vigor Mortis proponlle ao público unha viaxe surrealista e traxicómica que mestura teatro xestual con danza. Desde Granada, chegará a Carballo o 8 de maio Da.Te Danza con Natanam, espectáculo infantil gañador do Premio Fetén 2021 ao acercamento da danza á primeira infancia.