A Praza do Concello de Carballo acolleu este martes a presentación dunha nova edición de Berocasión, a feira por excelencia do vehículo de ocasión na capital de Bergantiños. No acto estiveron presentes os representantes dos 13 concesionarios participantes, o presidente de Axober, Isidro Varela, así como o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero e o concelleiro de Feiras e Mercados, Juan Seoane.
Neste 2021 haberá máis concesionarios participante, máis vehículos e máis ofertas ca nunca, tal como anunciaron os representantes do sector. Dende o venres 27 ata o domingo 29, en horario de mañá e tarde, os establecementos abrirán as súas portas para poñer a disposición do público máis de 500 vehículos de km.0, seminovos, industriais, mixtos, nacionais, de importación, de ocasión… con importantes descontos e condicións especiais de financiamento.
Coincidencia de Berocasión co feirón e o MercaeDillo do CCA
Unha combinación perfecta para que toda a familia poida gozar das vantaxes de mercar no comercio local. Tanto Berocasión coma o MercaeDillo do CCA cambiaron de formato na edición 2020, na que tamén coincidiron, para adaptarse á situación sanitaria que estamos a vivir. Como medida de prevención fronte á COVID-19, as dúas iniciativas comerciais celebraranse dentro dos negocios participantes.