Carballo | Presentado o programa de actividades da Semana Europea da Mobilidade


O programa, deseñado pola Concellaría de Mobilidade do Concello de Carballo, foi presentado na contorna do Fórum, nun acto no que participaron Juan Seoane, concelleiro de Mobilidade; Maica Ures, concelleira de Igualdade; Eva Cameán, de Senda Nova, e Adolfo López Baña e Tania Bartucca, de Íntegro.

O programa estará marcado polas restricións derivadas da situación sanitaria e polas medidas preventivas pola COVID-19. Carballo participará no Día sen Coches, unha iniciativa que se desenvolverá simultaneamente en distintos barrios urbanos, nos que se cortarán rúas para que as ocupen os peóns con xogos e actividades e para visibilizar unha transformación urbana que pouco a pouco vai chegando a toda a vila.

Ese día coincidirá con “Pedaleando pola igualdade”, que a Concellaría de Igualdade tivo que suspender en marzo e que retoma agora partindo da base de que “a bicicleta foi un símbolo de liberación da muller”, como destacou a concelleira Maica Ures.

A Asociación Ambiental Senda Nova guiará por segundo ano unha ruta pola beira do Anllóns dende a Ponte de Bértoa ata o Muíño da Cheda. Ademais Íntegro repite colaboración, pero este ano “cunha actividade que nunca se fixera”, como sinalou o presidente da asociación, Adolfo López Baña. Será o luns 21, o que se converterá no Día da Accesibilidade ocupando con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento “para que a xente que ocupa as prazas para persoas con mobilidade reducida vexa o mal que se sentiría se lle pasase a eles.