- O concello foi pioneiro na limitación da velocidade urbana a 30Km/hora, que se aplicará nas vías dun único carril en toda España a partir do 12 de maio
A Concelleira de Planificación e Estratexia Urbana de Carballo, Milagros Lantes, que forma parte da xunta directiva da Rede de Cidades que Camiñan dende o ano 2019, participou este venres como relatora nunha xornada telemática sobre as “Cidades 30” na que tamén se escoitaron as experiencias da Coruña, Bilbao e Palma de Mallorca.
O obxectivo deste seminario aberto, que coordinou a directora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, foi reflexionar en conxunto sobre a nova realidade das velocidades urbanas a partir do 12 de maio deste ano, data na que entrará en vigor a limitación da velocidade a 30 quilómetros establecida pola Dirección Xeral de Tráfico para todas as vías cun único carril de circulación.
Carballo foi un concello pioneiro neste sentido, xa que a limitación da velocidade a 30 Km/hora xa está vixente dende o ano 2019 e que afecta a todas as vías da zona urbana.